Saltar navegación. Ir directamente ao contido principal

  1. Inicio
  2. CHC resuelve tus dudas
  3. Certificado enerxético

Certificado enerxético

Comeza o contido principal

O certificado enerxético é obrigatorio, desde o 1 de xuño de 2014, para todo tipo de vivendas, en venda ou aluguer. Trátase dun documento imprescindible para poder realizar estas operacións; carecer del está sancionado con importantes multas para os propietarios.

O certificado enerxético establece unha valoración homoxénea sobre o nivel de emisión de CO2 en relación coas dimensións e características de cada edificio. Deste xeito, o futuro propietario ou inquilino coñece de antemán e pode comparar a eficiencia enerxética dese inmoble verbo dos demais.

Os certificados enerxéticos baséanse nunha escala de sete niveis, representados polas letras que van do A ao G. Este indicador expresa a enerxía que consome anualmente o edificio en condicións normais. Considera, deste xeito, tanto as súas esixencias enerxéticas para o confort térmico e luminoso (iluminación, ventilación, calefacción, refrixeración, etc.) como a satisfacción das necesidades de auga quente sanitaria.

O cociente aplicado por estes certificados enerxéticos é, concretamente, o cociente entre os quilogramos de CO2 e os metros cadrados de superficie da vivenda. A mellor cualificación é a letra A, que expresa un resultado inferior aos 6,8 kg CO2/m2 anuais, mentres que a peor referencia é a letra G.

Obrigatorio para todo tipo de vivendas en venda ou aluguer

Profesionais específicos e homologados encárganse de prestar este servizo de certificado enerxético, que han de ter todos os edificios que se vaian vender ou alugar antes da realización da devandita transacción. Non existe unha tarifa única para a súa realización. Cada empresa aplica a proposta que considera oportuna para achegar este certificado enerxético obrigatorio, que ten unha duración de 10 anos. En calquera caso, os propietarios han de presentar e entregar o seu certificado enerxético con antelación á operación de venda ou aluguer, nunca despois de concretala. En caso de incumprir esta norma, a lei determina multas que van desde os trescentos euros até o seis mil, nos casos máis graves.

O certificado enerxético abre as portas á posibilidade real e obxectiva de comparar a eficiencia enerxética das distintas vivendas en que estamos interesados, o que, a longo prazo, constitúe un impulso decisivo para a mellora enerxética.

Fin do contido principal